Entrega Especial- "TREVINCA, Setenta años en la cumbre"

É para nós unha satisfación presentar hoxe esta colaboración de Ricardo Gurriarán. Doutor en Historia Contemporánea, articulista e autor literario. Ademáis destes innegables méritos, queremos resaltar a circunstancia de que se trata, como moitos sabedes, dun dos fillos de D. Gonzalo Gurriarán, ideólogo e un dos fundadores do Club Peña Trevinca non ano 1944. Neste traballo preséntanos ao seu pai, visto cos ollos dun neno. Unha colaboración mais pola súa parte, que nós agradecemos en grande medida.
 

 

 
Son moitas as razóns que me moven a escribir unas liñas neste nacente blog. A primeira e principal, porque foi solicitada polo meu amigo Antonio Graña para un labor moi importante nos tempos que corren: a difusión e o contacto; signos inequívocos de modernidade. Grazas Antonio e parabéns pola iniciativa. A segunda, porque o coñecín por termos inquedanzas comúns: a montaña e o asociacionismo montañeiro ligado a un club que ten gratos recordos para min, o Club Pena Trevinca de Vigo. A terceira, ligada intimamente a anterior, porque participei directamente na conmemoración do 65 aniversario da constitución deste interesante e duradeiro club, convidado agarimosamente pola directiva, naquela altura, deste pioneiro piar no asociacionismo deportivo galego, fito, xa, na historia recente do país. E cuarto, porque Antonio me pide que fale do meu pai, concretamente: como vía eu, con ollos de neno, as inquedanzas de meu pai. A ELO ME POÑO... entendendo a dificultade que encerra esta “retrotracción”.

 
Os que fomos vítimas da educación do silencio, para coñecer cousas que non se sabían, non tivemos máis remedio que aplicar tres xeitos de achegarse ao coñecemento, que se mesturan entre si, cunha metodoloxía de resposta cerebral que, case sempre, daba resultado para atinar no que se buscaba, en tempos de ausencia de google: escoitar e non preguntar, tanto e sobre todo na casa, coma fóra, pois as cousas de “tras a silveira” e da “cáscara amarga”, mais ben sabemos que eran silenciadas na proximidade, máxime cando estabas nun réxime ditatorial.
E por qué digo non preguntar, porque finalizando os anos cincuenta, cando un domingo pregunteille a miña nai: Mamá por qué papá no va a misa? Respondeume: porque trabaja mucho entre semana y el domingo tiene que descansar. Evasiva, obviamente, cando noutras ocasións, menos procedentes, podías escoitar un: iso non se pregunta, neno. E ti sabías que os domingos meu pai ía ao monte a andar, non a descansar, como cando tiña que ir ver un enfermo a algunha aldea da serra sen estrada para chegar. Logo por fóra, algún amigo comentara: «¡Teu pai non cre na Virxe! Díxomo meu pai». Evidentemente ligas cabos, mais aínda se ves que, como fixera Xesús cos mercadores, túa nai é expulsada do Templo por levar manga curta, desde o propio púlpito da igrexa parroquial. Ou que o mesmo don Miguel, crego de mal recordo para algúns barquenses, denigra, e case excomunga aos montañeiros, por non cumprir co precepto dominical, tamén un domingo desde o púlpito da igrexa de San Mauro. Logo, Gonzalo, que viña sendo meu pai, e que era ateo, chamaba a un crego amigo para que oficiase en Fonte da Cova, pois entre as montañeiras, nomeadamente, había moitas practicantes... e el posibilitaba que aquilo non fose un impedimento.

Tamén pola observación se decataba un de cousas e de contradicións. Na lingua, por exemplo. Chamábame a atención que ao meu avó, que vivía con nós, meu pai se dirixía e se comunicaba con el en galego, o mesmo que na consulta, e que aos fillos nos falaba en castelán. Mesmo chegaba a corrixirmos, escorando cara o castelán, cando convertiamos o vogal o en u, pois diciamos Urense ou Curuña. Recordo que dicía: «o en gallego o en castellano, pero no mezclados». Despois, case todos os irmáns pasamos por internados en Castela, incluída a irmá. E algúns, despois, somos galegofalantes desde que morreu o “anano”.
Tamén chamaba a atención que unha vez ao ano a parella da Garda Civil visitaba a nosa casa, sen saber nós, os nenos, a que carallo viñan. Logo soubemos.
Pero o máis importante foi o vivir día a día (convivencia) e a creación e a transmisión de hábitos. Sempre escoitei que me levaron á Serra Trevinca en seirón, cando aínda non tiña un ano. Lembro que as nosas vacacións se repartían en dúas quendas. A primeira na praia das Rías Baixas de camping, e a segunda no refuxio de Fonte da Cova, en agosto, durante quince días. Desde ben cativos fixemos esta práctica. Tamén recordo, sendo un neno, ir de excursión ao Lago da Baña ao lombo dun macho mular, co meu irmán Xosé. Era a primeira vez que durmía no monte, e que escoitara o lobo; meu pai pasou a noite ao redor dun lume que fixera para espantar a unha manchea de lobos ouveando, temendo que se acercaran a nós.
Todo isto facía un escenario especial de singularidade, e, para nós, de admiración. Como o feito de que todos os días se pasase horas tecleando a máquina de escribir, pola noite. Ou que recibise na casa a estranxeiros e que eu tiña un padriño belga, que levo seu nome de segundo meu: Edgard. Ou que non lle falase moita xente veciña. E que el lle negase o saúdo e a conversa a moitos, tamén. Normalmente, a xente que exercera a violencia indiscriminada en 1936 e en anos posteriores. Disto decatámonos logo.
Xa de adulto, veu outro xeito de aproximarse ao coñecemento, que é a investigación. Precisamente a el, a Gonzalo, meu pai, lle debo iso, e axiña se transformou en obxecto de estudo, a partires dos papeis que chegaron ás miñas mans, logo da súa desaparición.
Xa teño escrito disto, pero, ao mellor é bo recordalo, Gonzalo estivo a piques de ser paseado en 1936, logo de ofrecerse a “poñer coche” os que ían seren seus cuñados, catro anos despois. Por isto non foi singular, pois aconteceu bastante polo país. Logo de pasar calamidades, e de ter que enrolarse nas filas dos sublevados para salvar o pelexo, sen militarizar, Gonzalo refuxiouse no seu Barco natal, onde permaneceu illado e controlado. Este particular fixo que buscase no monte o seu refuxio e o seu oasis para resistir nunha Valdeorras tomada polas tropas vencedoras, con afán de liquidar aos restos resistentes do franquismo nos montes da zona.
E foi alá, porque campaba polo macizo Trevinco sen que a guerrilla fose un problema, mais ao contrario, tenos axudado e asistido sanitaria e humanamente, e porque tiña que subsistir en algo que amaba: a montaña. E porque era o lugar ideal para poder comunicarse sen censura e a motivación principal para tecer unha rede con ánimo de chegar a todo o país e difundir o espírito montañeiro a todas as idades e pensamentos, sen exclusión, cando para todo había que acreditar “suficiente adhesión”.
Eu diría que DIGNIDADE E AMOR Á NATUREZA foron elementos que nos foron transmitidos, de xeito palmar, sen resentemento.

 
Un agradecemento especial a todo un club, como é o Club Pena Trevinca de Vigo, quen soubo recoller un especial “savoir faire” en todos os aspectos asociativos e sociais. Saúde, agardando poder chegar ao centenario en 2044, e celebralo na vosa compaña. Sei ben que con Garrido no temón vai ser posible.

Ricardo Gurriarán
Compostela, 31 de decembro de 2014.









(Visita de D.Ricardo Gurriarán
ao Club Peña Trevinca Montañeiros
 de Galicia, Vigo 2009)
Share:
spacer

2 comentarios:

  1. Aínda non cumprira os 18 anos a primeira vez que escoitei o nome do teu pai. Non sabía moi ben por que pero o seu nome era pronunciado con veneración por un grupo de socios veteranos entre os que máis tarde souben que había algúns fundadores. Certamente descoñecía onde me metera, nin onde estaba o Barco de Valdeorras, nin onde estaba Pena Trevinca nin que aquelas persoas tan maiores fosen tan especiais. Só sabía que aquela xente vivía para e polo montañismo, algo que a min me fascinaba. -
    Só vin ao teu pai un par de veces, non sei con que motivo, pero nunca lle falei. Oíra falar tanto del que me limitei observalo e escoitalo na distancia. Non me sentía á súa altura ou talvez considerei que dificilmente podería mellorar a impresión que tiña del nin o moito que o coñecía se me achegaba e platicaba con el. O que máis me chamaba a atención era a súa cor bronceada.
    Para nós aqueles foron uns tempos de busca de heroes. É posible que non puidésemos abstraernos da iconografía franquista na que viviamos e se non os encontrabamos tiñamos que inventalos. Obviamente careciamos da información da que dispoñemos hoxe en día. Seguiamos as fazañas dos andinistas e dos himalayistas a través dos libros. É dicir con grande retraso. Nin sequera a prensa deportiva adoitaba falar deles agás cando había mortos como no caso de Rabadá e Navarro no Eiger. Sempre había no noso ámbito alguén que se decataba de algo que rapidamente compartía. Para nós era corrente falar entre outros de Bonatti e de Messner, ou dos españois Anglada, Pons, Rabada, Navarro... Xunto a eles e case á súa altura estaban os nosos fundadores, Gonzalo, os Villaverde, Pepe Barbosa e Natalio.
    Foi moi tarde cando soubemos que algúns dos fundadores xa manifestaran por activa e por pasiva o seu rexeitamento ao rumbo que estaba a tomar o club e aínda que nominalmente seguían sendo socios, o seu corazón e as súas pernas estaban con outros. Xa só quedábanos Natalio que coa súa inmensa bondade parecía vivir noutro mundo.
    Tardamos moito tempo en decatarnos de que Trevinca tiña moitas delegacións dentro e fóra de Galicia e os seus membros eran amigos. Para a inmensa maioría dos socios de Vigo non había outro club con ese nome que non fora o noso. Comentábase que ademais hai un grupo de señoritos, xente da mellor sociedade local, que son socios de Trevinca e que din que cada Semana Santa van esquiar a Fonte dá Cova. Deus sabe onde queda eso¡.
    Teño que dicirche que Vigo sempre foi Gonzalista. De manter a chama encargábase o noso Presidente, entón Delegado, Carlos Posada. No seu longo mandato nunca baixou a garda e foi inculcando en todos os que viviamos o día a día o respecto e a admiración polos fundadores, chama que foi pasando a través dos anos ata nosos días.
    Esta é a impresión que eu como un neno que era teño daqueles momentos.

    Antonio Graña Molares
    (Amigo, colaborador e socio do Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia

    ResponderEliminar
  2. Penso, lendo este artigo, que temos diante nosa un claro exemplo da importancia do valor das persoas. É ben certo que son moitos os camiños e moitos os xeitos de chegar a un fin, a una meta. Pero non basta con socializarse, os valores propios das persoas, ese “contido individual” fai que a asociación se enriqueza e funcione; sen dúbida nos albores do noso club pesou, e moito, este concepto.

    Agora temos a inmensa sorte de contar coa testemuña dun Fillo-Historiador, Ricardo Gurriarán, de ese acontecer, que atesoura na memoria, e nun enorme arquivo de documentos, a longa Historia do Club Peña Trevinca e de moitas persoas que deixaron o mellor do seu ser nun anaco, mais grande ou mais pequeno, destes setenta anos. Temos tamén a colaboración de outra persoa que, dende a súa adolescencia, conviviu e participou nela, e a día de hoxe, tras 55 anos no club está sendo un dos socios máis participativo en todo tipo de actividades: Antonio Graña. El vainos levar por este camiño de recordos e dará valor e actualidade a moitos feitos que nos trouxeron felizmente ata aquí.

    Temos pois, falando en termos do standard actual, unha “trazabilidade perfecta” para coñecer, por etapas, a ruta da historia do Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia. Unha viaxe na que, estou seguro, moitos nos imos a apuntar.

    Grazas aos dous e que a disfrutemos.

    Carlos Garrido Costas
    (Presidente do Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia)

    ResponderEliminar

Los comentarios aparecerán publicados una vez sean revisados por el administrador del blog.