A SANTA COMPAÑA

 

Hoxe non imos falar das saídas preparadas, das que xa se deu conta en anteriores circulares. Nesta ocasión imos falar da máis famosa lenda galega ou non tan lenda… A Santa Compaña. Trátase dun tema do folclore galego. O tema das procesións de mortos e/ou ánimas é propio da literatura e das tradicións culturais da Europa occidental dende a Idade Media. A zona xeográfica na que a Santa Compaña influíu máis notoriamente considérase que é o territorio correspondente á antiga Gallaecia, incluído o norte de Portugal e Asturias, xa que esta zona posúe características que a identifican como unha comunidade, reflectidas nos seus contos e na súa literatura e testemuñas do fenómeno.


A Santa Compaña, tamén chamada noutros lugares Estadea, Huéspeda ou Corteju de genti de muerti, é unha procesión de mortos ou ánimas en pena que percorren os camiños dunha parroquia. Esta procesión sae a media noite dos camposantos aldeáns e, ordenada en comitiva formada por dúas fileiras, cruzan carreteiras e camiños, cimas e vales, para anunciar cun ano de antelación, a morte daquel a quen chaman  á porta ou en cuxo tellado guindan unha pedra. As visitas acontecen de forma procesional dirixidas por unha persoa viva,  provisto de cruz alzada e dun caldeiro cheo de auga bendita. Dise que quen realiza esta “función” non recorda nada durante o día do que aconteceu pola noite, unicamente se poderá recoñecer ás persoas penadas pola súa extrema delgadez e palidez. Cada noite a súa luz será máis intensa e cada día a palidez irá en aumento. Non se lles permite descansar ninguna noite, polo que a súa saúde vaise debilitando ata enfermar e morrer sen que ninguén saiba as causas de  tan misterioso mal. Condenado a vagar noite tras noite ata morrer, só consegue liberarse do seu fatal destino se encontra un transeúnte desprevido a quen entregarlle a cruz e o caldeiro antes de que este debuxe un círculo na terra e pronuncie as palabras “de aquí non pasas”.

Quen forma parte da Santa Compaña camiña descalzo, viste sudario con carapucha de cor negra e leva unha luz que non se ve, pero percíbese claramente o cheiro da cera que arde. A procesión vén acompañada dun lixeiro vento precedido dunha fría e densa néboa. Tamén se escoitan uns rezos ou cánticos fúnebres así como o son dunha pequena campá. Ao seu paso cesan os ruídos dos animais do bosque. Os cans oubean a morte e os gatos foxen despavoridos. A  todo isto hai que sumar dúas noites clave que incrementan as posibilidades de encontro: San Xoán (do 23 ao 24 de xuño) e Todos os Santos (do 31 de outubro ao 1 de novembro).

E para rematar, se pensades que calquera de nós pode ver a Santa Compaña estades errados… Só uns poucos teñen esta “facultade”: aqueles nenos/as aos que o sacerdote, por erro, bautizou empregando óleo dos defuntos, posúen de adultos a facultade de poder ver a S. Compaña. Os demais, crentes ou  non,  terán que conformarse con sentila ou intuíla….



Share:
spacer

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios aparecerán publicados una vez sean revisados por el administrador del blog.