Alguén paseou pola praia nos últimos dous meses? Se o fixestes, decatariádesvos de que a beira do mar estaba chea destes organismos xelatinosos que se
mostran na imaxe.
É a Carabela
Portuguesa (Physalia physalis), a mal denominada medusa. En realidade, esta especie non é unha medusa senón un conxunto de
individuos, denominados pólipos, especializados en distintas funcións coma
flotar, cazar, dixerir e reproducirse.
Este
superorganismo habita normalmente nas augas abertas de todos
os océanos do mundo, especialmente
en augas cálidas, pero ten unha peculiaridade que a fai moi vistosa: ten unha parte superior xelatinosa que se infla ou desinfla ao antollo do
individuo, actuando de vela
e permitíndolle
desprazarse co vento, mentres que o resto do seu corpo queda somerxido a fin de
atopar algo para comer. Podedes observalo no seguinte video.
Video onde se mostra una Carabela Portuguesa dispoñéndose a navegar. Fonte: Tomás Leandro Anllo.
As medusas, en xeral, teñen pouco interese comercial pero representan un perigoso obstáculo para os bañistas e o turismo de sol e praia cara ao verán. As partes especializadas na caza de presas, os tentáculos, poden chegar a ser incriblemente largas no caso desta especie, de ata máis de 40 metros, e en caso de contacto poden ocasionar graves problemas tanto no humano coma no resto dos animais.
Os fortes ventos
do sur que azoutaron as
costas galegas nos últimos
temporais, provocaron que estes veleiros chegasen ás nosas costas quedando
atrapados nas zonas de arribazón da praia cando
baixa a marea. Pero cabe destacar que a Carabela Portuguesa non foi a única
especie deste grupo de organismos que por aquí se paseou. Nas costas de A Coruña a presenza de Velella velella, máis pequena e moito menos perigosa, tamén chamou a atención de bañistas
e medios de comunicación.
Preguntarédesvos se isto é habitual. Se sempre
chegaron ás nosas costas ou
se ten relación algunha
co quecemento global. Estas son algunhas das cuestións que se me presentaron cando a miña cadela atopou unha destas especies, no tan concurrido paseo
de Bouzas, a mediados de xaneiro. Ademais da curiosidade, tamén me levei o susto e a factura do veterinario...
As medusas pasan
a maior parte da súa vida
mar adentro, onde
serven de alimento principalmente para tartarugas mariñas e peixes de gran tamaño, coma o atún ou o peixe
espada, pero tamén para outros organismos xelatinosos ou algunhas aves inmunes ao seu veleno. Estes depredadores demostraron ser capaces de controlar a
poboación de medusas sen problema a excepción dos episodios de
grandes proliferacións (“blooms”) que soen ocorrer cara ao verán co aumento da temperatura das augas.
A día de hoxe a presenza destes organismos nas praias faise difícil de despreciar. Cada vez máis a comunidade científica avoga
por sinalar ás actividades de carácter antropoxénico como a principal
causa destas aparicións.
Figura onde se mostra que os tres motivos máis citados pola comunidade científica causantes da maior proliferación de medusas son a eutrofización, o cambio climático e a sobrepesca. Fonte: Pitt et al. 20181
No gráfico
de arriba vese que a contaminación dos ecosistemas con aportes excesivos de
nutrintes, eutrofización, pode ser unha
das principais causas xa que baixa de xeito considerable as porcentaxes de osíxeno das
augas, facendo que non todas
as especies se sintan cómodas pero as
medusas sí.
Tamén cabe pensar que a maior frecuencia de eventos meteorolóxicos
extremos directamente relacionados co
cambio climático,
pode alterar o equilibrio ecolóxico destas poboacións. Aínda non hai estudos científicos que
atopasen suficientes probas para relacionar as proliferacións de medusas co quecemento da superficie oceánica
a nivel global1, se ben
é certo, que atoparo relación directa con eventos extremos e non predicibles coma a NAO2
(Oscilación do Atlántico Norte).
Por outro lado, a
sobrepesca de especies de gran tamaño, especialmente das de alto valor comercial como as dúas
xa comentadas, merman de xeito considerable a poboación de depredadores naturais deixando que aumente, polo
tanto, a das presas.
De momento, a
presenza de medusas nas praias non fixo estragos biolóxicos
nin económicos importantes, polo que este feito non debe ser considerado alarmante. Hai que ter en
conta que a retirada masiva destas especies podería causar estragos nas relacións tróficas no mar (así coma a retirada de Posidonia oceánica nas praias de
Baleares, asunto que deixamos para outro momento) polo que a mellor solución,
na miña opinión, consistiría en seguir protexendo os seus depredadores, cada vez máis
ameazados, de xeito que a súa
poboación se autorregulase de maneira natural, quedando controlada así a súa aparición nas
costas. Así mesmo,
alertar a bañistas e
paseantes cada vez que unha destas proliferacións se faga visible pode axudar a que o problema non se faga maior.
Gustaríame
recalcar que, a día de hoxe, os
estudos científicos
encamiñados a investigar
e predicir a aparición de
medusas nas nosas costas non son demasiados polo que vos animo a seguir
recolectando datos da súa
presenza e subir unha proba a esta páxina web onde todos os cidadáns podemos axudar a que se siga
facendo ciencia en España cos limitados fondos de investigación dos que gozamos.
Cristina Fernández González.
Artigos consultados:
1 Pitt,
K.A.; Lucas, C.H., Condon, R.H., Duarte, C.M.;Steward-Koster, B. (2018) Claims
that anthropogenic stressors facilitate jellyfish blooms have been amplified
beyond the available evidence: A systematic Review. Front. Mar. Sci. 5:451. doi:
10.3389/fmars.2018.00451
2 Prieto,
L.; Macias, D.; Peliz, A.; Ruiz, J. (2014) Portuguese Man-of-War (Physalia
physalis) in the Mediterranean: A permanent invasion or a casual
appearance? Sci. Reports 5:11545 DOI:
10.1038/srep11545
Parece que están de moda!
ResponderEliminarhttps://www.niusdiario.es/sociedad/medio-ambiente/descubren-medusa-melena-leon-gigante-cuatro-metros-ria-vigo_18_3100920213.html