RUTA DOS FAROS: FISTERRA-CEE
7 de xullo de 2019
A lista de inscrición abrirase o martes 25 de xuño, e imos pechala o mércores 3 de xullo.
O Camiño dos Faros, a aventura de longo percorrido que nos ocupou no verán dos pasados tres anos, deixounos os pés cheos de area, as pernas feridas dos toxos, os
ombreiros queimados polo sol e a cabeza chea de infinitos atardeceres. O Camiño dos Faros deixounos un salgado sabor na boca, mestura
de percebe e longueirón, de abrupto cantil e tendida praia.
Despois da cea na súa etapa final, no setembro pasado, naquel furancho de
Castromiñán, foron centos de socios os que se acercaron ata a mesa da directiva, implorando, case que chorando,
pedindo que non pararan as cantigas, que non se acabara o “licor café”, que non parara a andaina, que continuaramos a marcha
cara ao Pindo, cara ao “Olimpo Celta” e máis alá.
Pois ben, o club nunca defrauda aos seus
fieis socios, e nesta fin de semana comezamos a segunda parte
ou continuación do Camiño dos Faros. Este novo camiño aínda está a coller forma e será o que vós queirades. Existen varios roteiros que seguen esa
dirección cara ao sur dende a fin do mundo. Un dos que está a coller certa relevancia é o coñecido coma “A Senda das Estrelas”, o que vén sendo o Camiño a Fisterra dende Santiago na súa alternativa máis meridional, pasando por terras de Noia e Muros.
Arrancamos este novo periplo co percorrido entre Fisterra e Cee, no fondo da ría de Corcubión. A ruta atravesa terreos moitas veces “periurbanos”, pero sempre cheos de encanto e historia. A marcha comezará
no
porto de Fisterra, para percorrer logo o eterno areal de Langosteira, e despois
a enseada de Sardiñeiro, ata a praia e aldea de Estorde.
Logo, en atrevido deseño, onde os folletos e guías de viaxe parece que perderon algunha folla,
percorreremos a península do Alto da Vela e Monte Quenxe,
todo o pegados á
costa que poidamos, por riba das furnas, calas e puntas que debuxan este singular
recuncho: Punta de Estorde, os cabos Louzán, Nasa, e Cee, ata a Punta Cabalo. No final desde circuíto espéranos a fortaleza defensiva do Castelo do Cardeal,
sentinela pétrea da ría de Corcubión.
No final da marcha volve a
tranquilidade, as aldeas e as sendas costeiras, xa preto de Quenxe, a vila de
Corcubión e no final Cee, pobo que abraza a súa praia coma se fose un anfiteatro no fondo da ría.
Coma sempre teredes máis información chamando ao club.
Comezaremos unha nova aventura. Non a perdas!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Los comentarios aparecerán publicados una vez sean revisados por el administrador del blog.