Ultimamente ronda moito o nome desta árbore polas redes sociais, e por iso imos pegar un brinco do mar das Illas Cíes (entrada anterior no blog) cara os montes Galegos.
Tras os incendios de 2017, o Concello de Teo, en Coruña, solicitou a inclusión das especies do xénero Eucalyptus no catálogo español de especies Exóticas invasoras a fin de describir os efectos nocivos que provocan no ecosistema natural e controlar mellor a súa expansión. Nese momento a solicitude foi recollida por o Ministerio de Agricultura e o seu comité científico. A resolución denominou ás especies do xénero Eucalyptus como invasoras e animou ao veto de plantación das mesmas así coma o control das plantacións xa existentes (CC 30/2017).
O seu rápido crecemento e alta capacidade de adaptación fixo desta árbore unha ferramenta ideal para a industria madereira, sen embargo, hai características da súa fisioloxía que a fan prexudicial nun ecosistema onde non existiría de maneira natural. Algunhas delas son 1) a difícil descomposición das follas. É un dos problemas máis graves xa que, debido a súa composición química, non existen nos bosques galegos invertebrados nin organismos descompoñedores capaces de consumilas1; e isto tamén ten efecto cando as súas follas caen nos ríos supoñendo o empobrecemento das cadeas tróficas acuáticas2 incluso en lugares afastados das plantacións; 2) debido o seu rápido crecemento xeran un maior empobrecemento de nitróxeno no solo así coma un desequilibrio hídrico, xa que precisan de moita auga, o que ten repercusións directas no crecemento doutras especies3 e 3) o seu contido de sustancias alelopáticas forzan a outras especies a crecer en áreas apartadas da súa influencia4.
Polo tanto, non, o ecosistema de aquí non está adaptado a estas especies.
É unha fonte de ingresos, iso non se pode negar. O 32% da madeira
consumida polas papeleiras españolas é de eucalipto e 2/3 deses eucaliptos
proceden dos montes galegos. A industria madeireira galega move miles de
millóns de euros ao ano de modo que poñer máis trabas (non é que haxa moitas) e
controis as súas plantacións podería supoñer unha baixada económica neste
sector.
E por último, estamos a falar dunha especie controlada que non
coloniza espáceos non controlados? Precisamente as características expostas no
primeiro punto fan do eucalipto unha árbore especialmente áxil na colonización
de espazos abertos, sobre todo tralos incendios que deixan un baldío perfecto para
ser aproveitado. Ben é certo que a súa dispersión natural é escasa debido aos
poucos metros que alcanzan as sementes dende a árbore, non obstante, a especie
non está controlada porque as súas plantacións tampouco o están.
Relativo a este
último punto, cabe mencionar que existe unha lei que regula as plantacións de
máis de 5 hectáreas (50.000 m2) (Lei 7/2012 de Montes de Galicia),
pero isto non supón máis que solicitar un permiso de plantación sempre e cando
non se faga en terras de uso agropecuario ou terreos forestais ocupados por
frondosas. Calquera plantación inferior a esas dimensións lévase adiante sen
apenas regulación, e non fai falta medir moito para saber que Galicia está chea
de minifundios...Ademais, tamén está prohibida a súa presencia en zonas
protexidas ou áreas pertencentes a rede Natura 2000, pero entón tampouco me
explico por que ninguén evitou ou controlou a expansión desta árbore por As
Fragas do Eume (mirade na ilustración de abaixo a transición de bosque
atlántico a eucaliptal ao fondo).
Río Eume. Fonte: Ricardo Grobas, 2017, para Faro de Vigo
Entón, Que facemos co eucalipto?
Pois na miña opinión a resposta é, canto menos, complexa.
Como vimos, as
plantacións intensivas destas árbores supoñen una perda de biodiversidade debido
a que dificultan o crecemento doutras especies vexetais e afectan a eslavóns
superiores da cadea trófica, como a presencia de aves por exemplo (Sabiades que
hai moitas máis aves nun pinar ou nunha carballeira ca nun eucaliptal?5).
Isto, sen dúbida supón unha fragmentación dos ecosistemas naturais.
Sen embargo, un
sector da economía que facturou, so no ano 2018, 205.000.000 euros por ventas
de eucalipto (uns 5,9 millóns de m3) sustentando 1.800 empresas e
máis de 5.500 postos de traballo6, non pode deterse en seco.
O que Galicia precisaría é facer unha boa xestión do recurso, con novas normativas que favorezan a plantación de exemplares endémicos con rendementos económicos parecidos (i.e algunha conífera) e maior distancia entre árbores, así coma esixir un maior cumprimento das normativas xa existentes (porque debe de ser pola noite cando os lindes se moven solos e os eucaliptos xerminan de forma natural...).
Só con deixar suficiente
distancia entre árbores se controlaría a súa dispersión natural e se
facilitaría o manexo en caso de incendios (isto tamén aplicaría aos bosques de coníferas,
pero non os de carballos que gardan unha humidade elevada no seu sotobosque e
dificultan a expansión do lume, iso si, estes últimos non medran rápido e polo
tanto, non interesan).
Pois, para finalizar, este mes o goberno autonómico emitiu por fin a nova
de que Galicia contará cun Plan Forestal dotado dunha inversión de 4.900
millóns de euros ata 2040. Aínda que se atopa en formato borrador parece que o
plan definitivo sairá a finais da primavera que ven.
Este plan
contempla a repoboación de coníferas para incrementar en 20 anos un 75% máis de
talas e atender así demanda de celulosa á vez que se propón a redución dun 5%
de superficie eucaliptal. A verdade é que o novo plan non parece demasiado
ambicioso, quizás se podería facer máis, pero o máis importante sería que non
se quedase só nunha idea non vinculante plasmada nun programa electoral.
Déixovos unha
imaxe dos titulares de prensa con diversos punto de vista para que cada un
saque o seu e vos animo a deixar comentarios no blog sobre as dúbidas e
curiosidades que teñades.
Referencias bibliográficas
1 Ferreira,
V., Koricheva, J., Pozo, J., Graça, M.A.S. 2016. A meta-analysis on
the effects of changes in the composition of native forests on litter
decomposition in streams. For. Ecol.Manag. 364: 27-38.
2 Graça
M., Pozo, J., Canhoto, J., Elosegui, A. 2002. Effects on Eucalyptus
plantations on detritus, decomposers, and detritivores in streams. Scientific World Journal 2: 1173-1185.
3 Castro-Díez, P., Fierro-Brunnenmeister, N., González-Muñoz, N., Gallardo,
A. 2012. Effects
of exotic and native tree leaf litter on soil properties of two contrasting
sites in the Iberian Peninsula. Plant Soil 350:179-191.
4 Souto, X.C., Gonzalez, L., Reigosa, M.J.,
1994. Comparative analysis of allelopathic effects produced by 4 forestry
species during decomposition process in their soils in Galicia (NW Spain). Journal
of Chemical Ecology 20: 3005-3015.
5 Calviño-Cancela, M., Rubido-Bará,
M. 2013. Invasive potential of Eucalyptus globulus: Seed dispersal,
seedling recruitment and survival in habitats surrounding plantations. For. Ecol.
Manag. 305: 129-137.
6 Calvo de Anta, R.M., Macías, F., Rigueiro, A., Silva, F.J. El eucalipto en Galicia: Aspectos ambientales y socioeconómicos relevantes. 2019. Confederación de organizaciones de silvicultores de España (COSE).
Interesante artigo! Grazas!
ResponderEliminarCales serían as implicacións se o eucalipto fose declarado EEI como indicado polo Comité Científico??
ResponderEliminar