Ola a todos!
Que mellor que inaugurar a sección de Medioambiente con algo que temos na
casa, As Illas Cíes!
Resulta que o domingo 18 de outubro o club decidiu facer un bautismo de
mergullo. Así se chama a actividade que da pé a calquera que queira coñecer a
sensación de respirar somerxido por primeira vez. E alá fomos, as nove da mañá
xa estabamos no peirao de Bouzas con ganas de tocala auga.
Vista das Illas Cíes dende a Ría de Vigo, o tempo a primeira hora non parecía acompañar demasiado.
Saímos en dirección noreste cara as Illas e en pouco máis de 30 minutos alí nos atopábamos, entre a Illa do Faro e San Martiño. Polo camiño contemplábase a beleza destas montañas que sobresaen do mar, aínda que o Parque Nacional é Marítimo-Terrestre (categoría outorgada en 2002, pero Parque Natural dende 1980), a porción de terra non é máis que o 15% da superficie do mesmo. Fermosas terras que fan de refuxio para cantidade de aves, como a gaivota patiamarela (Larus michahellis) e o cormorán moñudo (Phalacrocorax aristotelis) e réptiles coma o eslizón ibérico (Chalcides bedriagai, en peligro de extinción) ou o lagarto ocelado (Timon lepidus). Pero neste texto ímonos centrar no 85% restante, O mar!
A reserva que aquí temos sustenta un ecosistema mariño impresionante. Os
seus fondos están compostos de area e rocha cheos de vida gracias os afloramentos
de augas profundas forzados polos ventos de compoñente norte. Estes
afloramentos veñen cargados de nutrientes e permiten que prolifere unha
comunidade de algas de máis de 200 especies (non esquecer que son a base da
cadea atrófica no mar!), pero tamén son os causantes de esas xélidas augas que
temos durante a época estival... A 14ºC estaba a auga o domingo!
Cando se cita o mar, a maioría da xente pensa na pesca, un pequeno
porcentaxe noutro tipo de explotación mariña (coma a extracción de petróleo) e
un porcentaxe minúsculo na beleza que aporta tan só contemplalo, xa sexa na
superficie ou nas profundidades do océano. O domingo pasado nós formamos parte
de ese ínfimo porcentaxe.
Coa axuda dos instrutores de mergullo, fomos capaces de formar parellas e somerxernos
nas augas das Illas Cíes. Todos mantivemos a calma e desfrutamos do entorno.
Ben é certo que a auga non estaba de todo transparente, isto non é o
Mediterráneo, pero debido a iso temos a alta produtividade das nosas Rías, gañando
a fama de marisco boísimo e polbo á feira!
Puidemos contemplar un montón de especies de peixes; se ben é certo que
estamos acostumados a velas na pescadería, “este gran tamaño non se atopa á
venta” como dicían por aí. Vimos bancos de sargos, lubinas, algunha maragota, e
infinidade de peixes camuflados co fondo e outros pequenos flotando case á mercé
das correntes. Nas augas das Illas Cíes tamén hai sepias, polbos e algún
cabaliño de mar. Esta diversidade de especies é algo difícil de atopar noutros
lugares e basease no xa mencionado aporte de nutrientes que se da nestas
Rías. Déixovos algunhas fotos para dar
envexa a todos aqueles que non puideron probar este deporte.
O océano supón case o 71% do noso planeta (mal chamado Terra), pero
coñecemos máis do que que hai na Lúa que do que se esconde nas profundidades do
mesmo. Por dar un par de datos vos direi que 1) o océano ten un papel
importantísimo no ciclo da auga, e todos precisamos de auga para sobrevivir; 2)
nel habitan microalgas que, como as árbores na terra, realizan a fotosínteses e
eliminan case o 50% de CO2 que producimos agasallándonos tamén co
oxíxeno que respiramos; 3) o océano está en continuo movemento e interacciona
coa atmosfera superior tendo unha grande influencia no clima (sen ir máis
lonxe, pensáchedes algunha vez por qué Nueva York ten uns invernos tan fríos se
nós estamos case a mesma latitude?) e 4) a profundidade media do océano é de
3900 metros polo que aínda nos queda moito por explorar!
O que quero transmitir aquí é que o Mar non é solo para
pescar. O mar é unha fonte de recursos, sen dúbida, pero non por elo deben
aproveitarse sen ter unha boa xestión. De non ser porque as Illas Cíes forman
parte dunha reserva, hoxe publicaría aquí moitas menos fotos...
Eu estou segura de que todos os que foron facer o bautismo de mergullo quedaron encantados e con ganas de repetir. Agora espero que os que leedes isto tamén vos pique un pouquiño máis a curiosidade.
E por se fora pouco, uns golfiños déronnos a benvida na volta a casa.
A vogal de medioambiente,
Cristina Fernández González
Referencias y lecturas relacionadas:
- Atlas y Libro
Rojo de los Anfibios y Reptiles de España. Juan M. Pleguezuelos, Rafael
Márquez, Miguel Lizana. Editorial: ICONA (Organismo autónomo parques nacionales).
- Field, C.B.; Behrenfeld, M.J; Randerson, J.T.; Falkowski, P.. (1998). Primary production of the biosphere: Integrating terrestrial and oceanic components. Science 281 237
- www.parquenacionalillasatlanticas.com
¡¡qué buena iniciativa Cris!!
ResponderEliminar