O CLUB PEÑA TREVINCA NOVO VIGUÉS DISTINGUIDO

Hai xa uns meses que o Concello de Vigo outorgou este galardón ao noso club pero, como tantas cousas este ano, o acto de entrega foise demorando no medio da incertidume xa habitual que vén transformado o noso día a día do ano 2020.


O pasado sábado 3 de outubro nun acto marcado, como non, polo protocolo do Covid 19, celebrouse no Auditorio Mar de Vigo este evento previsto nun principio para o mes de marzo.

Un acto no que, como dixo no inicio a presentadora do mesmo, “faltarán os apretóns, os bicos e o darnos man, faltarán os familiares e amigos que noutras circunstancias encherían o auditorio. Pero a cidade non falta á cita coas persoas e colectivos que, traballando altruistamente e de forma desinteresada, merecen este recoñecemento”. E entre estes colectivos estaba, o Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia.

Tan só puidemos asistir cinco persoas, entre as que se atopaba Olga Abad Valverde, con xa 71 anos de socia na nosa entidade. Con ela quixemos que estiveran representados todos os socios de Peña Trevinca pois Olga, filla dun dos fundadores, é uns dos exemplos máis destacables de fidelidade a este club.


Este emotivo acto viu pechar, casualmente, os actos de celebración do 75º Aniversario, xunto coa exposición finalizada no pasado mes de agosto.

Dende a Xunta Directiva actual FELICITÁMOSVOS a todos: aos socios, tanto aos que o son dende 1944 como aos máis recentes, aos exdirectivos e expresidentes, e ás familias de Antonio e Pepe Villaverde, Natalio Abad e Gonzalo Gurrriarán que tanto seguen aportando a este club. A esa lista interminable de persoas que levaron nalgún intre, e levan, o recordo máis amable do club no seu corazón, homes e mulleres, iniciadoras deste deporte naqueles tempos e continuadoras imprescindibles na nosa entidade, NORABOA E MOITAS FELICIDADES por este nomeamento.

Para min foi unha satisfacción e orgullo moi grande recibilo no nome de todos vós.

Agradecementos tamén para as persoas responsables desta nominación e ao Alcalde de Vigo Abel Caballero.

O Presidente, Carlos Garrido Costas.




Share:
spacer

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios aparecerán publicados una vez sean revisados por el administrador del blog.