Día Internacional das Montañas (#MountainsMatter)

    Con motivo da celebración do Día Internacional das Montañas, do 11 de decembro, esta entrada do blog vai adicada a elas.

Vistas dende Peña Ubiña, Asturias-León.

     As montañas son as formacións máis lonxevas que habitan no noso planeta. Son antollos xeomorfolóxicos que están en continuo cambio. Érguense, préganse, repréganse, erosiónanse, estíranse e desmorónanse debido ás tensións ás que están sometidas pola dinámica terrestre.

Poden elevarse escasos metros sobre o nivel do mar ata case alcanzar a estratosfera, cubrindo o 27% da superficie da Terra. Condicionan a vida dos animais e plantas que nelas habitan, pero tamén o clima de todo o planeta. Dende elas parten os grandes ríos que nos aportan case o 80% da auga doce que desfrutamos.

A temática deste ano no Día Internacional das Montañas é a biodiversidade. Temática moi acertada, na miña opinión, no contexto de cambio climático no que nos atopamos.

Por biodiversidade enténdese a cantidade e variedade de organismos vivos que habitan na Terra, dende organismos microscópicos ata os seres coa maior intelixencia coñecida. Tamén fai referencia á variedade de ecosistemas existentes. Un destes ecosistemas é o denominado “ecosistema de montaña”.

Calquera que subira una montaña (e non ten por que ser de máis de 5000 metros) darase conta que as condicións de vida nelas non son doadas. A dura climatoloxía, moi variable, forza ás especies a desenvolver adaptacións específicas para os climas de montaña o que dá lugar a unha alta porcentaxe de endemismos.

Como se pode observar no seguinte gráfico1, a pesar de ocupar unha superficie moito menor que outros ecosistemas de máis baixa altitude, as montañas son o fogar para o 85% de especies de anfibios, aves e mamíferos.

Neste gráfico1 amósase a  porcentaxe de especies de mamíferos, aves e anfibios que viven nas montañas en comparación cos demais ecosistemas de altitudes baixas.

    Pero, desgraciadamente, estes ecosistemas están en risco. O cambio climático está considerado como unha das presións principais que impulsan a perda de biodiversidade no mundo. O quecemento global, as prácticas de agricultura intensiva, as minerías a ceo aberto e a deforestación teñen un forte impacto sobre estas paisaxes. A degradación de estes ecosistemas forza a moitas especies de animais a migrar (incluíndo aquí a especia Homo sapiens) e ás vexetais a desaparecer, forzadas polos cambios de temperatura, humidade, aparición de especies exóticas invasoras, e un longo etcétera. De feito, pódense facer cálculos aproximados do ritmo de extinción de especies baseados no coñecemento actual sobre a evolución da biodiversidade no tempo, e o que se ve é que estamos a un ritmo moito máis elevado que o promedio dos últimos 10 millóns de anos2.

Cabe mencionar que as montañas tamén teñen un importante papel no tocante aos servicios ecosistémicos que ofertan (como o ser humano se beneficia directamente delas), e van dende ser fonte de alimentos (colleitas, gando, plantas medicinais, etc.) ata actividades turísticas pasando pola industria das fibras téxtiles ou da madeira. A estimación da cifra exacta de canto diñeiro sae das montañas non é sinxela de calcular, pero estou segura de que non ha de ser pouco.

Aproveitando un dos servicios ecosistémicos das montañas, aquí amoso unha foto do Parque Nacional de Torres del Paine (Chile) cun fermoso raposo paseando conmigo ben cedo de mañá.

    Dende que a ONU creou esta data o “Día Internacional das Montañas”, os medios de comunicación e as redes socias fixéronse eco mediante o uso de #MountainsMatter (as montañas importan) e pouco a pouco foron xurdindo novas iniciativas de conservación por todo o mundo impulsando tamén as publicación científicas e o desenvolvemento de novas ferramentas estratéxicas, como a ben coñecida rede ecolóxica Red Natura 20003.

    Conservar estes ecosistemas, así coma todos os do planeta Terra, está nas nosas mans. Neste enlace4, a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a agricultura (FAO) aconséllanos 10 accións para levar a cabo durante a vindeira década e frear a perda de millón de especies. Claro que, nesta estratexia os primeiros que se teñen que vencellar son os políticos que gobernan o mundo.

A vogal de medioambiente, Cristina Fernández González.


Referencias bibliográficas e artigos relacionados:

1. Rahbek, C.; Borregaard, M.K.; Colwell, R.K.; Dalsgaard, B.; Holt, B.G.; et al. Humboldt’s enigma: What causes global patterns of mountain biodiversity? Science 365 DOI: 10.1126/science.aax0149

2. https://news.un.org/es/audio/2019/05/1455501#:~:text=La%20tasa%20global%20de%20especies,ya%20est%C3%A1n%20%E2%80%9Cgravemente%20alterados%E2%80%9D.

3. https://www.efeverde.com/noticias/ecosistemas-montanosos-ecologia/

4. https://www.decadeonrestoration.org/strategy

5. https://www.un.org/es/observances/mountain-day

https://www.arcgis.com/apps/Cascade/index.html?appid=cc7af0c3473c4128935e07b1cc824752
Share:
spacer

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios aparecerán publicados una vez sean revisados por el administrador del blog.