POLOS SENDEIROS DE ALLARIZ

Saída as 8.00h. dende praza España

Despois destas festas, toca de novo pisar as terras de Allariz. Un concello cheo de historia e personaxes ilustres como  Marcial  Suárez, escritor e dramaturgo, ou Antonio  Remesal, historiador. 


Allariz está rodeada de pequenas montañas, entre as que destaca o cume Penamá, que se eleva cos seus 927m, dominando todo o val e proporcionando excelentes  vistas. Outro dos grandes protagonistas deste concello é, sen dúbida, o río Arnoia. Nace no  concello de Vilar de Barrio, nas ladeiras do teito de San  Mamede, mide 87 km e desemboca no río Miño. Na nosa ruta, á parte de camiñar, visitaremos atractivos lugares, cheos de historia, tradición e lenda como o asentamento castrexo de  Armeá, descuberto casualmente por Manuel Losada, quen buscando uns marcos para a curta de carballos, atopou unhas escaleiras de forma casual. Hoxe é un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes de Galicia.




A ruta circular de 20 km e dificultade baixa iníciase na ponte, ao pé do río Arnoia.  Despois de cruzar un tramo urbano chégase a  Roiriz de Abaixo e  Roiriz de Arriba; continuando por estes bonitos camiños pásase polas aldeas de Coira e Folgoso, preto do monte do Penedo, 669 m;  proseguindo a ruta chégase á aldea do Souto, curioso lugar cunha pequena  praciña e unha capela encostada ás casas. Chegaremos despois a  Laioso, e máis tarde  a  Armeá, onde se atopa un conxunto rupestre  no monte  do  Señorío e a poucos metros o monte  Gándara, 554  m. Proseguindo a nosa marcha chegaremos ao castro de  Armeá no que se poden ver muíños manuais e outras curiosidades. A continuación pasaremos por unha pedra con forma de orella, onde había un carballo de 9 m de diámetro. Seguindo a ruta por camiños cheos de historia chégase á basílica da Asunción, que entraremos a visitar; unha vez dentro,  descenderemos polas escaleiras e facendo uso do frontal entraremos ata O Forno, onde a escuridade e o frío que transmiten as paredes de granito crean unha atmosfera rodeada  dun  halo de misterio. Visto este lugar retómase a ruta cara a Augas Santas por un camiño empedrado, ata chegar á  igrexa de Santa  Mariña, de estilo románico. Deixando atrás estes conxuntos históricos, seguimos a nosa andaina atravesando por bosques e aldeas ata atopar o río Arnoia e seguindo pola súa marxe, chegar finalmente ao autobús.  





¡¡¡ANÍMATE E PARTICIPA NA PRIMEIRA RUTA DO 2018!!!


Share:
spacer

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios aparecerán publicados una vez sean revisados por el administrador del blog.