4ª Etapa da Volta ao Bierzo: Vales de Tremor e Alto Boeza (14- 15 Marzo)

¡¡¡ HOXE MARTES DÍA 3  ÁBRESE A LISTA PARA APUNTARSE!

 

Nestas dúas primeiras xornadas de marzo, achegarémonos ata os chamados “Confíns do Bierzo”, onde se atopan os afastados vales de Tremor e Alto Boeza, rozando xa as terras alleas da Magaratería, A Cepeda e As Omañas.

O cume a ascender o sábado é o Pico Suspirón (1829 m.), que intentaremos facer todos xuntos. Logo os senderistas, virando ao nacente, baixarán por pistas e sendas máis trilladas,  o chamado Camino Asturiano, pasando pola cabana Ladil, e volvendo ata onde arrancamos co bus de mañá, preto do pobo de Tremor de Arriba. Os de Travesía, despois do cume, viraremos ao revés, cara ao poñente, ata o porto do Pando (1680 m.), para baixar logo ata a solitaria ermida da Virxe da Casa ou de Pena Furada, onde faremos o vivac.
 

O domingo, ben cedo, os de Travesía remontaremos de novo o porto do Pando, para dirixírmonos pola crista da serra ata os cumes da Penouta e Peña Cefera (2015 m.) e facer logo o teito da xornada: o Arcos del Agua (2060 m.). Despois baixaremos polo Sesteadero del Buey del Fraile (1910 m.) ata a Campa de Santiago, no nacemento do río Boeza, para terminar esta dura xornada na aldea Colinas del Campo de Martin Moro Toledano.

 
Pola súa parte, os senderistas o domingo dende o pobo Colinas  poderán intentar facer o cume do Arcos del Agua, ou se non achegarse ata a maxestosa Campa de Santiago e a súa ermida.
Os senderistas farán base no pobo de Pobladura de las Regueras.


Coma sempre, podedes atopar máis información na circular de Marzo que estades a piques de recibir.
 

¡Que non falte ninguén. O Bierzo espéranos!
Share:
spacer

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios aparecerán publicados una vez sean revisados por el administrador del blog.